luns, 28 de novembro de 2016

Próxima reunión dos grupos de alumnado do club de lectura Curuxaina.


Para rematar o trimestre e darlle a benvida ás vacacións de Nadal temos programada unha sesión conxunta dos dous grupos de alumnado do centro. Nela comentaremos un clásico do xénero negro :Dez negriños de Ágatha Cristien e a continuación veremos a  versión cinematográfica que nos anos 40 se fixo da obra.

Quedamos o luns 19 de decembro ás 4.30 na Biblioteca.





O grupo A curuxa noiteira comenta A dúbida de María Reimóndez

O martes 8 de novembro a rapazada  do club de lectura de 4ºESO e 1º e 2º de Bacharelato, xunto coas profes que coordinan o grupo, reuniuse de 3h a 4.30h para comentar a obra de María Reimóndez A dúbida.
Coincidían en  sinalar o interese do tema : os abusos sexuais a menores e a valentía da autora por tratalo nunha novela por entregas. Dar visibilidade a feitos como os que se narran na obra  pode axudar a vítimas que adoitan ser invisibles.
Tamén se destacou na xuntanza a axilidade que vén dada pola intriga que se mantén capítulo a capítulo. Por todo isto, e malia algún aspecto negativo que tamén se indicou (como a credibilidade do personaxe de Deli) recomendamos A dúbida de María Reimóndez.

luns, 14 de novembro de 2016

Xuntanza do grupo O niño da curuxa

O alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO que forma o grupo O niño da curuxa do noso club de lectura Curuxaina reuniuse o luns 7 e o martes 8 de novembro para comentar a obra A neta do señor Linh, escrita polo francés Paule Claudel.
Resultado de imaxes para a neta do señor linhA novela fálanos das consecuencias da guerra : da fuxida, dos refuxiadxs, da soidade, da loucura....pero tamén da amizade e da esperanza. As rapazas e rapaces do club coincidiron ao sinalar a intensidade e dureza de  A neta do señor Linh e o sorprendente do seu final. Todxs recomendarían esta obra.

xoves, 10 de novembro de 2016

Próxima xuntanza do grupo A curuxa sabia.

Na reunión do pasado luns 7 de novembro elixiuse a obra para comentar neste grupo na seguinte convocatoria. Trátase da novela  A ira dos mansos do vigués Manuel Esteban.
A data da xuntanza será o 7 de decembro, como sempre, ás 4 da tarde na Biblioteca. Vémonos daquela!


Xuntanza do grupo de profesorado do club de lectura Curuxaina.

O luns pola tarde reuniuse na biblioteca o grupo do profesorado (A curuxa sabia) para comentar a primeira obra de lectura compartida neste curso: Manual para mujeres de la limpieza de Lucía Berlín. 


 Intensa, trepidante, chea de paixón, de vida , de humor (ás veces negro), pero tamén de tristura, de dor , de soidade.....todas as que estabamos na xuntanza coincidimos en que Lucía Berlín logrou facernos sentir intensamente, poñernos na pel de Lu ou de Carlota, narradoras e trasuntos literarios da propia autora.
 Ao longo dos corenta e tres relatos da obra son moitos os temas (alcoholismo, racismo, relacións de parella, familia , a inxustiza social, as desigualdades etc.) e moitas as historias que se contan, porque a obra é tan complexa, tan diversa como o foi a vida da autora. Recomendamos este Manual para mujeres de la limpieza,este libro de relatos cheo de vida, de verdade, porque como dixo a propia Lucía Berlín:"exagero mucho, y a menudo mezclo la realidad con la ficcción, pero de hecho nunca miento."



xoves, 27 de outubro de 2016

A curuxa noiteira tamén comeza




O martes 11 de outubro xuntouse por primeria vez o alumnado de 4º de ESO, 1º de Bacharelato e 2º de Bacharelato que vai construír o grupo A curuxa noiteira do noso club Curuxaina.
Comezamos cunha novela que ten a peculariedade de que foi publicada primeiro por entregas no xornal A Vox de Galicia, despois de ser premiada como gañadora do certame que convocara este xornal. Trátase de A dúbida de María Reimóndez.


Nun mes teremos un novo encontro e faremos a nosa valoración desta obra coa que inauguramos un curso de lecturas compartidas.


xoves, 13 de outubro de 2016

Comezamos!!

 O grupo O niño da curuxa  en marcha.


Este luns dez de outubro xuntouse na biblioteca o alumnado de 1º , 2º e 3º de ESO que vai formar parte do club de lectura.

Un recreo dá para pouco , pero a este sacámoslle rendemento: coñecémonos, asinamos un contrato de compromiso co club , falamos de como organizar as reunións...



A primeira obra que imos ler é A neta do señor Linh, do francés Philippe Claudel, traducida ao galego pola editorial Rinoceronte. Unha novela que fala de amizade, soidades compartidas, do horror da guerra e o drama dos refuxiad@s. 



Xa vos contaremos neste blog cales foron as impresións dos xa membros do club de lectura Curuxaina.


martes, 4 de outubro de 2016

Estreamos Blog

Comeza un novo curso escolar e con el unha nova andaina para o club de lectura do IES Castro Alobre.

Ademais estreamos nome Curuxaina.

Temos por diante unha chea de lecturas, sorpresas e soños por compartir...

E para comezar a rodar, estas son as datas da primeira reunión:

  • Alumnado de 1º, 2º e 3º ESO (Grupo O niño da curuxa): o luns 10 de outubro no primeiro recreo na Biblioteca.

  • Alumnado de 4º ESO, 1º e 2º de Bacharelato (Grupo A curuxa noiteira): o martes 11 de outubro no primerio recreo na Biblioteca.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR! AGARDÁMOSVOS!